ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR | CMUS Manuel Quiroga, Pontevedra

A TODOS OS MEMBROS DA COMUNIDADE EDUCATIVA

Ao longo deste mes de novembro, e por convocatoria das autoridades administrativas de educación, desenvolverase o procedemento para a renovación parcial do Consello Escolar deste centro.

O Consello Escolar é o órgano de xestión e representación do centro, e ten importantes atribucións de tipo administrativo e académico. Nel están representados todos os colectivos que integran a comunidade escolar: profesores, pais/nais/titores, alumnos e persoal de administración e servizos, así como a dirección do centro e o representante do concello.

O pasado día 5 de novembro, veu de constituírse a Xunta Electoral, procedendo a aprobar o calendario electoral (Pinchar aquí), a lista de prazas vacantes (Cadro resumo), os censos provisionais así como a composición das mesas electorais. Segundo isto, corresponde este ano 2018 a renovación por procedemento electoral de 3 postos de alumnos/as por catro anos e 3 postos por 2 anos e 1 posto de pais/nais/titores.

O prazo para a presentación de candidaturas, é entre o día 6 e o 12 de novembro, ambos incluídos. As candidaturas presentaranse a título individual mediante a instancia-modelo que se atopa a disposición na secretaría e na conserxería do centro.

As eleccións celebraranse o día 26 de novembro, luns, de 18 a 21 h. na mesa electoral que se habilitará ao efecto no vestíbulo do centro.

Dada a relevancia que o Consello Escolar ten no organigrama e bo funcionamento do centro, animámosvos a todos  a considerar a presentación das vosas candidaturas, e a participar activamente nas votacións, ao obxecto de que cada colectivo se atope debidamente representado neste órgano.

Toda a información referida a este proceso atópase exposta no taboleiro situado no vestíbulo principal do centro.

Pontevedra 6 de novembro de 2018