O próximo venres 7 de abril a Banda I pondrá o punto e final ás audicións do segundo trimestre do Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga” de Pontevedra coa recuperación do pasodobre “Barquerito” do compositor pontevedrés Juan Serrano Marqués.

Este pasodobre, datado no ano 1916, está adicado ao toureiro tamén pontevedrés Barquerito pai, Manuel Escudero Torres. A partitura foi editada en América en 1930 grazas ao seu fillo, reeditada posteriormente en Arxentina e recuperada e instrumentada agora dende a súa versión de piano polo director da Banda I do centro Iago Lariño Rodal.

Este labor de recuperación púidose realizar grazas á colaboración de Juan Parra co conservatorio da nosa cidade. O mestre Serrano Marqués foi unha figura moi relevante dentro da vida musical pontevedresa e galega. Lucense de nacemento, pero pontevedrés de corazón, Juan Serrano Marqués viviu a maior parte da súa vida profesional nesta cidade, e á fronte da Banda de Música dos Exploradores realizou aquí o seu primeiro traballo, de pouca entidade pero de enorme valor educativo.

A potente agrupación nada no seo da Sociedade Artística Musical, unha institución senlleira na vida pontevedresa, acaparou os seus maiores desvelos. O orfeón A Artística converteuse así no conxunto máis emblemático, aplaudido e premiado de todos cuantos dirixiu o mestre Serrano, que non foron poucos en Pontevedra e fóra da Boa Vila, ao longo da primeira metade do século XX.

Home sinxelo, modesto e humilde, tras unha carreira chea de alegrías e tamén de amarguras chegou ao ocaso da súa vida “sen unha peseta máis que as que tiña o primeiro día, cando saíu da súa casa de Lugo para entregarse á conquista do pan e a gloria”, segundo escribiu Prudencio Landín nunha recente homenaxe.