BREVE APONTAMENTO BIOGRÁFICO DE MANUEL QUIROGA

Manuel Quiroga Losada foi quizais o músico galego de toda a historia que acadou maior renome internacional. Considerado un “neno prodixio” do violín desde a súa infancia, triunfou con só 19 anos en París, iniciando así unha carreira como virtuoso que o levaría a percorrer Europa e América, ata o seu prematuro final como intérprete a causa dun desgrazado accidente en Nova Iorque, en 1937, cando estaba xustamente no cumio do seu éxito.

Manolo Quiroga –como se lle coñecía familiarmente- nacera en Pontevedra o 15 de abril de 1892. Daquela a cidade, aínda que unha pequena capital de provincia, tiña unha intensa vida cultural e literaria animada por varias tertulias e pola presenza de persoeiros relevantes da cultura e da política, galega e española. Precisamente sería co mecenado de algúns destes persoeiros e institucións da cidade e co apoio sempre presente da súa familia, que marcharía a estudar a Madrid, con tan só 12 anos. Logo de seis anos na capital de España, e de terse xa presentado con grande éxito en diversos auditorios, decide marchar a Alemania para estudar co grande violinista Fritz Kreisler, pero quixo a casualidade que de paso en París, tivese oportunidade de matricularse nas probas de acceso ao Conservatorio, ao que accedeu en 1909. Tan só dous anos despois, en 1911 gañou o primeiro premio de violín do Conservatorio, o que supoñía un feito extraordinario para un alumno da súa xuventude, e o que lle valeu xa o recoñecemento unánime da crítica e o inicio dunha brilante carreira como intérprete.

Acompañado da pianista Marta Lehman, coa que ademais casou, realizou concertos por toda Europa, sendo eloxiado polo son e a técnica impecables no violín. En América as xiras levarono por países do sur do continente e do norte, con especial éxito nos Estados Unidos, donde chega a tocar para auditorios de máis de 5000 persoas.

A partir de 1924 Quiroga comeza a compoñer para o seu instrumento. O seu catálogo comprende fundamentalmente obras para violín solista ou violín e piano, destinadas aos seus propios concertos, ademais de outras máis pequenas, como transcricións e cadencias orixinais para diversos concertos do repertorio. A miudo tratase de obras inspiradas en aires populares galegos, como a tradicional muiñeira, e con referencias ao seu país nos títulos –Emigrantes Celtas, Terra!! a Nosa!!- A destacar o Concerto en Estilo Antigo, para violín e orquestra de cordas, de 1925. Como virtuoso do violín foi tamen dedicatario de numerosas composicións doutros autores, como a Sexta Sonata para violín solo de Eugène Ysaÿe, ou o quinto dos Cinq Comentaires pour le violon et piano, de Joaquín Nin.

O 8 de xuño de 1937, cruzando Times Square en Nova Iorque, é atropelado por un vehículo, resultando gravemente lesionado nun brazo. Nunca se recuperaría deste accidente, o que unido a un progresivo mal de Parkinson, rematou definitivamente coa súa carreira despois de varios intentos de volver a retomala. Os últimos vinte anos da súa vida pasounos entre Madrid e a súa Pontevedra natal, onde faleceu o 19 de abril de 1961. Condecorado coa Lexión de Honor en Francia e coa Gran Cruz de Afonso X o Sabio en España, Pontevedra adicou a este seu fillo predilecto a rúa na que nacera, ademais dun monumento co seu busto nun dos paseos principais da cidade. Desde o ano 2004, o Conservatorio da cidade, fundado en 1863, leva o seu nome, tendo conmemorado con numerosos actos no 2011, o cincuentenario do seu pasamento.

 

Manuel Quiroga foi, a decir dos seus coetáneos e segundo os moitos testemuños da súa  vida, un home vitalista, con un grande sentido do humor, e un excelente debuxante e caricaturista desde moi novo. Foi ademais de un violinista excepcional, un exemplo de superación e de tesón, mesmo nos seus momentos máis difíciles; e é hoxe por moitos conceptos, un referente ineludible dentro da historia da música de Galicia.

 

Luís Costa Vázquez