Benvida | CMUS Manuel Quiroga, Pontevedra

Benvida

O Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga é unha institución pública de ensino musical de grao elemental e profesional, de titularidade da Consellería de Educación e O.U. da administración autonómica de Galicia. Como institución educativa ten como obxectivo prioritario o de proporcionar unha formación musical regrada da mellor calidade ao alumnado, nos niveis que nel se imparten; pero tamén ten como parte da súa ineludible responsabilidade social, a de dinamizar as actividades musicais, artísticas e culturais, tanto para a comunidade educativa, como en xeral para todos aqueles que se acheguen ao Centro.

Para o desempeño destas funcións, o Conservatorio conta primeiramente con unha moderna dotación de espazos e recursos, así como con un cadro de profesionais, docentes e persoal de servizos, que aportan o seu compromiso diario ao acadamento da mellor calidade neste proceso. Para o segundo, o Conservatorio, a través das actividades tanto internas como externas, desprega unha intensa presenza na cidade e no seu entorno a través de cursos, concertos, colaboracións con outras institucións e outros actos, e máis aló da nosa cercanía, mediante viaxes formativas, intercambios internacionais e todo tipo de actuacións que nos fan parte dun mundo grande, pero a cada día, máis pequeno.

Precisamente para acortar distancias con todo ese mundo, máis cercano ou máis lonxe, poñemos hoxe a disposición de todos e todas esta nova páxina web. Nela pódese atopar información detallada da actividade do Centro. Así, tanto da informacion académica: procedementos administrativos, calendarios, recursos didácticos, etc., como das actividades musicais e de todo tipo desenvolvidas polo Conservatorio, dentro ou fóra dos seus espazos. A páxina complétase con outras ferramentas interactivas, como o sistema de alertas a través do facebook, ou a posibilidade de realizar xestións telemáticamente, que se irán ampliando progresivamente.

Desde a súa creación en 1863 como Conservatorio de Pontevedra, a institución ten pasado por diversas titularidades e ubicacións, percorrendo unha longa historia que ten feito del unha parte imprescindible do relato da cidade, e segundo corrían os tempos, de un entorno cada vez maior. Hoxe, desde as potentes posibilidades que proporciona a nosa realidade cultural e tecnolóxica, o Conservatorio Manuel Quiroga, quere renovar o seu compromiso con valores permanentes, como son a cultura do esforzo por acadar no persoal a cada día máis e mellores metas, e no común, o crecemento e afianzamento dun sentido de comunidade educativa, aberta e integradora, obrigada co crecemento artístico e humano de todos e todas.

Como director do Centro, douvos a benvida a esta páxina, na confianza de que será para aqueles que xa fan parte do Conservatorio, unha ferramenta útil de comunicación e de mellora nos nosos obxectivos; e para aqueles outros e outras que nos visitan, unha xanela aberta a esta nosa comunidade, e un convite estimulante a ser parte dela.


Luís Costa Vázquez, Director